Visita pastoral de mons. Francisco Prieto, Arcebispo de Santiago, ao Centro de Menores e os pisos de acollida de A Coruña

Desde finais do 2021 a Pastoral Penal de Santiago comezou a visitar o Centro de reforma de menores Concepción Arenal da Coruña. Nel, uns vinte e cinco mozos e mozas intentan dar unha nova orientación á súa vida. A maior parte das veces, parten de circunstancias moi difíciles. A Igrexa quere acompañar tamén esta loita. Coñecedor desta realidade, e sensible a ela, D. Francisco quixo, ao principio do seu ministerio, achegarse persoalmente a ela e visitar o Centro. Na mañá do xoves 6 de xullo, acompañado polos voluntarios Alfredo Losada, Loli Mantiñán e Macamen Díaz, así como pola Delegada de Pastoral Penal, Yolanda Sánchez, e o capelán, Juan González-Redondo, foi recibido polo Director do Centro, D. Antonio Aparicio, quen lle ensinou a casa. Ademais dos estudos que realizan fóra, no Instituto, dentro do Centro ofrécense numerosas actividades e obradoiros, para que os mozos poidan desenvolver as súas calidades, e mesmo aprender algún oficio. Entre as máis destacadas, e que esa mañá puidéronse visitar, está o forno de panadería e repostería, o precioso xardín, e o horto do Centro, que conta cun magnífico invernadoiro. A continuación o Sr. Arcebispo reuniuse cun grupo de mozos internos, que lle contaron a súa experiencia e como é a vida neste Centro. D. Francisco convidounos á súa vez a visitalo na súa casa en Santiago e realizar un percorrido pola Catedral.

A continuación da visita a Menores, D. Francisco achegouse a coñecer as tres casas que Cáritas diocesana en colaboración coa Pastoral Penal abriu na Coruña, e alí puido coñecer a algún dos mozos que se atopan acollidos. Por unha banda o piso de Labañou para acollida de permisos de fin de semana do Centro de Inserción Social (situación de semiliberdade), e persoas en liberdade condicionada, o piso de permisos penais de Lonzas, e a casa reitoral de San Cristovo das Viñas, onde dous mozos comezan a gozar a súa liberdade co acompañamento intenso e de calidade humana do voluntariado e da traballadora social de Cáritas, Andrea Lago. Co seu bo facer e a súa calidade humana, Andrea é a alma deste proxecto.

E este mércores, 23 de agosto, varios mozos do Centro de menores acompañados do Director, visitaron as cubertas da Catedral e o Museo, e xantaron co Arcebispo e os voluntarios da Pastoral. Foron uns momentos moi belos para o recordo emocionado de todos os que os viviron.

Por outra banda, dentro das súas actividades cos menores, a Pastoral Penal  organizou unha saída a terras de Mesía, o xoves 13 de xullo, que comezou por un percorrido guiado pola Casa Grande de Xanceda, granxa de leite ecolóxico, cunha degustación dos magníficos produtos lácteos que alí se producen, unha visita e oración na casa de acollida e oración Raíña, onde se mesturaron con Víctor Naveira, o sacerdote que a inspira, e un grupo de curas do Salnés, e finalizou cun baño na piscina de Xanceda. Un gran día de verán!