D. Julián presidiu as confirmacións 2020-2021 das parroquias da nosa Señora do Pilar e San Francisco Javier na Coruña

O pasado venres 16 de abril de 2021, tiveron lugar, no Templo Parroquial da nosa Señora do Pilar as confirmacións destes dous últimos anos, xa que o ano pasado non puideron celebrarse por culpa da pandemia, dos 29 confirmandos das dúas parroquias. A estes uníronselles dous de San Miguel de Figueroa (Abegondo) e outros dous de San Miguel de Treos (Vimianzo).

Ás sete da tarde deu comezo a Misa solemne, presidida polo noso Arcebispo D.Julián Barrio Barrio co que concelebraron o Párroco D. Severino Suárez Blanco e o Secretario do Sr. Bispo D. Manuel Jesús Formoso, axudados polo Diácono D. Juan Sanjurjo Arias, que este curso está a axudar nas nosas parroquias. Despois da homilía, D. Julián procedeu á confirmación de cada confirmando que se achegou acompañado do seu padriño ou madriña en cada caso. Ademais, o coro parroquial, dirixido, por Lita, realzou cos seus cantos, este acto tan solemne na vida dos cristiáns.

Ao finalizar a cerimonia, D. Julián, acompañado dos concelebrantes, descubriu, á entrada do Templo na parede da dereita, unha placa conmemorativa da inauguración do Complexo Parroquial do Pilar e de agradecemento a todos os seus Párrocos.

Intensa actividade

Nese mesma fin de semana, monseñor Barrio presidiu tamén a cerimonia de Confirmación de 16 mozos na parroquia do Divino Salvador de Taragoña.