- Concelebraron o arcebispo emérito de Santiago, mons. Julián Barrio Barrio e o obispo de Mondoñedo-Ferrol, mons. Fernando García Cadiñanos.
O arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto, presidiu a eucaristía na festividade de san Tomé de Aquino, na capela do Seminario Maior compostelán. Na súa homilía, mon. Prieto destacou a figura do patrón das universidades, “que penetrou a fe desde a razón” pero sen esquecer que todo estudo teolóxico debe estar guiado pola revelación. Neste sentido, insistiu en que a procura da verdade non debe reducirse a un empeño frío, afastado do espírito do discípulo, posto que a sabedoría humana é reflexo “da sabedoría daquel que se fixo carne e habitou entre nós”.
O arcebispo compostelán asegurou que “facer teoloxía é en primeiro lugar deixarse sorprender por Deus”, un Deus que é sinxelo, e que “coa súa sinxeleza desborda sempre as nosas pretensións e a nosa razón humana”. Desexou que esa procura incesante da sabedoría sexa “a fonte desde a que discernir e atisbar o camiño da fe”, sen esquecer que ese camiño debemos percorrelo xuntos, en comunidade.
Mons Prieto lembrou que “estamos sempre aprendendo a ser discípulos do Mestre”. Unha aprendizaxe que só poderemos percorrer desde a humildade, única vía para o encontro co Señor que se nos revela. Estamos chamados a darnos conta de que “só no camiñar como discípulos podemos descubrir a auténtica mestría que Deus pon en nós”.
Tras a eucaristía, o arcebispo presidiu un acto académico no salón nobre do Instituto Teolóxico Compostelán cunha conferencia a cargo do profesor de Biblia do centro, Ricardo Sanjurjo.