O arcebispo presidiu o funeral polo eterno descanso do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez

O arzobispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, celebrou este luns o funeral polo eterno descanso de Valeriano Martínez, o conselleiro de Facenda falecido repentinamente hai algúns días. A cerimonia desenvolveuse na catedral compostelana, con presenza dos familiares do conselleiro, do presidente da Xunta e membros do seu Goberno, do delegado do Goberno e do alcalde da cidade, entre outras autoridades. “Recordamos hoxe a D. Valeriano”, dixo o arzobispo na súa homilía, “persoa de ben, honesta e laboriosa, ao servizo de Galicia”. “Soubo mirar lonxe, con amplitude e con profundidade”, afrontando na súa responsabilidade vos retos nas encrucilladas da existencia. D. Valeriano morreulle á súa familia á que amou entrañablemente como esposo e pai; morrelle a Galicia á que serviu na súa vocación política con grande capacidade profesional, dedicación xenerosa, honradez encomiable e eficacia probada. Sentía necesidade das súas raíces”.

Monseñor Julián Barrio dixo á familia do conselleiro falecido: “Querida familia de D. Valeriano, pai e morte son palabras penúltimas porque sagradas e últimas son Deus Pai e vida eterna. O tempo da proba para o seu paso á eternidade da recompensa. “Se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre dará froito abondoso” (Xn 12, 24). Soamente esta esperanza pode consolar axeitadamente a perda dun ser querido e dar sentido á súa vida e á súa morte, aos seus proxectos e traballos”.

O arcebispo recordou aos asistentes que “celebrar cristiamente a morte é proclamar que Deus non nos abandona máis aló da morte e que creemos na vida eterna”. Deus non renuncia a nós alén da morte onde temos a Cristo para interceder por nós e acompañarnos a participar na súa felicidade “onde descansaremos e veremos, veremos e amaremos, amaremos e loaremos”.

“Deus creounos”, indicou o arcebispo, “chamándonos desde a nada, e resucitaranos chamándonos desde a morte á vida eterna. O noso irmán D. Valeriano, sabía que a morte que nos colle sempre de improviso, foi vencida pola resurrección de Cristo. Temos que aceptar a claridade que o misterio da morte nos trae, unha claridade tremenda e consoladora. “Tremenda porque a certeza da vida futura modifica os nosos xuízos sobre o valor das cousas e dos acontecementos da nosa vida temporal, e aconséllanos sobre a inevitable responsabilidade de todos os nosos actos en relación ao xuízo futuro de Deus. Consoladora porque a certeza da vida futura significa a vitoria sobre a morte; ese fatal e temible acontecemento que pon fin á nosa vida temporal, pero non suprime en realidade a nosa existencia”.