Mons. Francisco Prieto: “Cada vez que acompañamos e consolamos o enfermo, camiñamos con Cristo”

A Arquidiocese de Santiago de Compostela, unida á Igrexa universal celebrou, hoxe 5 de maio, a Pascua do Enfermo co lema “Dar esperanza na tristeza”, unha mensaxe que quere lembrar a alegría da Resurrección, neste tempo pascual.

Para conmemorar esta data, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, presidiu hoxe domingo, ás 19:30hs, na Parroquia de San Esteban de Paleo de Carral, unha Eucaristía, na que estivo acompañado, ademais do párroco Juan Carlos Novo, de varios sacerdotes de diferentes parroquias da Diocese e dun diácono, polo delegado para o Desenvolvemento Humano e Integral, José Ramón Amor Pan. No transcurso da mesma impartiuse a unción de enfermos a un numeroso grupo de persoas.

Na homilía, o arcebispo destacou, por mor do lema da Xornada do Enfermo deste ano, que só se pode dicir que se coñece e se ama a Deus “cando permanecemos no amor que recibimos, soamente cando amamos como El nos amou”.

Mons. Prieto afirmou que cando un di que ama, ten que vir acompañado polo xesto, pola presenza e pola compañía e o consolo. Tamén lembrou como Cristo se fai presente na enfermidade, na fraxilidade, no corazón e na vida do enfermo “para acompañar, para sandar con ese sandar profundo interior de dentro, e é entón cando ese sandar ser converte nunha das expresións máis profundas, máis auténticas, dese amor máis grande, como di Xesús no Evanxeo, aquel que dá a vida polos amigos”.

O arcebispo destacou que cada vez que se acompaña e se consola o enfermo, cada vez que se está ao seu lado, que se camiña con el na enfermidade “camiñamos con Cristo. Aí espéranos”.

No contexto das preparacións para o Xubileu 2025, D. Francisco animou a disipar as tristezas e amarguras para unxir “o corazón desta sociedade coa esperanza que nos vén do Señor (…) e mostrar unha esperanza que nos vén daquel que nos lembra, que só cando amamos, vivimos; só cando amamos, mostramos o corazón dunha humanidade que o é verdadeiramente”.

Tivo tamén palabras de agradecemento para o persoal sanitario nos hospitais, aos que coidan aos enfermos nas residencias, ás persoas que coidan e acompañan os enfermos de maneira voluntaria: “desexo dar grazas por todos e cada un de vós, sen nomes propios, senón co único nome daquel que sabe que o amor, cando toma carne en nós, é un amor que nos leva a tocar sen vergoña e sen reparo a carne ferida dos nosos irmáns”.
O arcebispo pediu mirar e ter mirada de fe co que está á beira, “porque que importante é que como Deus mira o corazón do home, saibamos mirar o corazón do irmán, e aí, se hai feridas curémolas, aí demos grazas a Deus, porque sempre nos agarda para sandarnos e convídannos a ser eses sanadores que poñamos esperanza onde hai tristeza, e que convertamos a fricción no gozo que brota daquel que sabe que ten unha esperanza que nunca decae”.
A Pascua do Enfermo pon fin á Campaña que a Igrexa en España iniciou o 11 de febreiro, festividade da Virxe de Lourdes, coa Xornada do Enfermo a nivel mundial e pechouse hoxe, coa Pascua do Enfermo, un día no que as comunidades parroquiais oran con e polos enfermos, moi especialmente polos que están sós, polos que experimentan sentimentos de tristeza, desesperanza ou desánimo.