Mons. Julián Barrio preside o Xubileo de Cáritas Española

O Consello de Cáritas Española reúnese en Santiago
Manuel Bretón: “Renovamos o noso compromiso a favor dos máis pobres desde a xustiza social”
O Consello Xeral de Cáritas Española que se reúne en Santiago de Compostela abordou cuestións da actividade permanente da institución, destacando entre os temas tratados os traballos que levan a cabo para acoller aos refuxiados que proceden de Ucraína. Durante a súa invocación na Catedral, o presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón, falou da implicación da entidade confederal «na loita contra a desigualdade e a defensa dos dereitos das persoas máis vulnerables» A reunión do Consello Xeral de Cáritas Española que se prolongará durante dúas xornadas, está presidida conxuntamente por monseñor Jesús Fernández, bispo de Astorga e acompañante de Cáritas en representación da Conferencia Episcopal, e Manuel Bretón , presidente de Cáritas. Neste organismo están representadas as 70 Cáritas Diocesanas e é o de maior poder executivo entre Asembleas.
Un mundo máis humano
Manuel Bretón lembrou que “renovamos o noso compromiso a favor dos máis pobres desde a xustiza social, e facemos noso o soño do Papa Francisco dunha nova fraternidade que faga posible un mundo máis humano, xusto e pacífico”. Insistiu o presidente sobre a incruenta guerra contra o pobo ucraíno, sinalando que «a nosa caridade cristiá ábrese así á dimensión universal para pensar e xestar un mundo aberto desde un corazón aberto ao mundo enteiro». Na súa resposta o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, falou do papel que desenvolve Cáritas que axuda ás persoas máis necesitadas. Fixo fincapé na relación co próximo que sofre, «non debemos pasar de longo, senón pararnos xunto a el». Mencionou tamén o sufrimento do pobo de Ucraína que está tremendamente azoutado, insistiu, por unha guerra que está a producir moitos mortos entre as persoas civís.
Refuxiados
O delegado Episcopal de Cáritas Española, Vicente Martínez, sinala que o traballo da institución é poñer á pobreza “no centro dos nosos acenos de identidade. Somos Igrexa ao servizo dos últimos”. Na súa intervención falou do sufrimento do pobo ucraíno “nós desde Cáritas queremos ser artesáns da Paz e traballamos intensamente por ela. E agora máis que nunca o facemos ante unha situación de emerxencia tan grave”. Constatou: “Estamos a prepararnos moi intensamente para a acollida dos refuxiados. Como institución estamos a traballar coa Cáritas de Ucraína desde o ano 2010”.
Os integrantes do Consello Xeral realizaron un tramo do Camiño de Santiago e entraron na Basílica pola Porta Santa.