Presentación do Camiño Minhoto Ribeiro na cidade de Braga

Os arcebispos de Santiago, monseñor Julián Barrio, e de Braga, monseñor Jorge Ortiga, asistiron o pasada día 18 de setembro nesa cidade portuguesa á presentación oficial do Camiño Miñoto Ribeiro, que tivo lugar no transcurso dun encontro promovido polo deán da catedral da antiga cidade romana de Brácara Augusta, José Paulo. Tratábase da firma de “un documento histórico”, segundo afirmou o presidente da asociación, Avelino de Francisco, que reuniu para un mesmo obxectivo a 16 concellos de Galicia e 6 de Portugal: o de conseguir a declaración deste trazado como Camiño Xacobeo, tal e como recolleu o diario “La Rexión”. Pola súa banda, o xornal luso “Diario do Minho” indicou que o Caminho Minhoto Ribeiro reforza os lazos relixiosos e culturais entre Braga e Compostela. De feito, trátase dunha ruta que parte desde a Catedral de Braga á de Santiago. Ambos prelados, sinalaba o diario portugués, mostráronse convencidos de que a nova ruta de peregrinación ao sepulcro do Apóstolo reforzará eses lazos entre as dúas históricas catedrais.