Consello de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela

  • Aprobadas as contas do año 2023 que manifestan un saldo positivo
  • Socios, achegas, donativos e colectas sitúanse no primeiro lugar dos ingresos cun 33%,
  • Presentado o borrador dos novos Estatutos da entidade e acordouse  o peche da empresa AHortas
  • O orzamento para o ano en curso alcanza os 7.662.591 euros

O Consello de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, presidido por monseñor Francisco José Prieto Fernández arcebispo de Santiago, deu a súa aprobación ao resultado económico do ano 2023 que lanza un saldo favorable de 533.476 euros. Así mesmo foi aprobado o orzamento económico para o exercicio en curso por un importe de 7.662.591 euros, o borrador dos novos Estatutos da entidade e a extinción da empresa AHortas de inserción laboral en materia  agrícola.

A oración correu a cargo de Santiago Fernández  delegado episcopal, indicando que “O Señor, impulsanos a traballar para ofrecer o pan aos famentos  e ser para eles providencia de Deus, que dan pan aos seus amigos mentres dormen”.

O traballo dos axentes

Na súa intervención monseñor Prieto Fernández sinalou que  o traballo desenvolvido demóstrase con  as persoas, “son movementos de vida, camiños compartidos”. Animou aos axentes para seguir traballando e agradeceulles a súa misión cos máis desfavorecidos, “seguir sendo samaritanos  e seguir tomando da man os que o necesitan. Un traballo que debedes facer  con alentos  de caridade e servizo cristián”.

Resultado Económico

No informe económico do ano 2023, presentado por Ángel Dorrego, na súa condición de responsable do departamento, dáse conta de que Cáritas Diocesana de Santiago obtivo un resultado positivo  de 533.476 euros, como diferencia entre os ingresos de 8.977.567 euros e os gastos de 8.444.090 euros. En  estes volumes inclúense os importes totais dos Servizos Xerais, das Cáritas Interparroquiais , e as Cáritas Parroquiais.

No capítulo dos Gastos Totais, cunha desviación do 13%, as axudas concedidas, tanto monetarias como non monetarias, representan o 43%.As que proceden da Comunidade Cristiá de Bens quedan moi axustadas, presentando un aumento do 15%  as emerxencias e crises. O 26 % do executado destinouse a as  axudas para necesidades básicas cun aumento no prezo dos alimentos,  e un crecemento de axudas en  especie. Os apartados de vivenda e formación mantéñense nos parámetros establecidos no orzamento.

As colaboracións significan un 6% do gasto total, mencionándose entre estas as referenciadas á cooperación internacional e en todo o relativo ao material sanitario.

Os gastos do voluntariado  teñen escasa representación. Pola súa banda o persoal representa o 33%, experimentando unha subida debido ao aumento   e a actualización dos soldos dos traballadores da entidade.

Os outros servizos mantivéronse moi controlados  e os relativos aos temas correntes  e extraordinarios significaron un escaso aumento.

Por Áreas de Intervención os gastos aumentaron en Atención Primaria, como consecuencia do incremento das axudas directas.

A distribución xeográfica  dos gastos está encabezado polos Servizos Xerais (40%), seguido de Cáritas Interparroquial da Coruña (28%).

As contas, no relativo aos gastos, incorporáronse a través os novos eixos de Cáritas con  os seguintes resultados: Cobertura de Necesidades Básicas: Dignidade e normalidade (40%); Soiedade: Falta  de Autonomía Social 10%); Emprego: Traballo Digno (23%); Vivenda: Hogar (18%), e Colaboracións (9%).

Os Ingresos  rexistraron un aumento do 13% respecto ao ano anterior e quedaron un 22% por encima do que se orzou. O 30% dos ingresos obtívose a través de socios, achegas, colectas, donativos, herdanzas e legados particulares. Entre eles destacan os relacionados coas herdanzas e legados. Mencionar tamén  o proceso alcista que se rexistra nas colectas.

Os ingresos procedentes  das subvencións  e convenios asinados coas administracións públicas-Xunta, Deputacións, Concellos e IRPF- representaron o 27%. Neste aparatado dar conta tamén dos convenios, subvencións  e doazóns procedentes  de entidades de carácter privado.

Nos ingresos  por áreas xeográficas ocorre o mesmo situándose no primeiro lugar  os Servizos Xerais (42%), seguido de Cáritas Interparroquial da Coruña (28%).

A relación xeral  dos ingresos quedou establecida do modo seguinte: Doazóns (38%), Subvencións (36%); Herdanzas e Legados (10%) e outros ingresos (16%)

Orzamento 2024

No orzamento previsto para o exercicio 2024, 7.662.591 euros, rexistra  unha diminución próxima ao 15% con respecto ao ano anterior. Socios, achegas, donativos e colectas sitúanse no primeiro lugar cun 33%, seguido das subvencións e convenios coas administracións públicas (32%).
En canto aos gastos-7.711.533 euros- a partida máis importante represéntana as axudas (40%), seguido dos do persoal (38%).Por centros os Servizos Xerais con o  43% ocupan o primeiro lugar no relativo aos gastos. A cobertura de necesidades básicas co 46% sitúase á cabeza dos actuais eixos de actuación.
Protocolo
O organismo de Cáritas tivo coñecemento da modificación no protocolo  para a prevención e tratamento fronte o acoso por razón de sexo e acosos sexual no relativo a que  desde o departamento de Recursos Humanos se poida propoñer nomes de persoas de substitución que ten  que ser autorizados pola directora e aprobados pola permanente.
O obxectivo deste protocolo é afondar na igualdade efectiva entre mulleres e homes, articulando un procedemento de prevención e actuación fronte ao acoso sexual ou ao acoso laboral por razón de sexo. Para iso, establécese un marco normativo con principios e condutas dirixidos a previr e erradicar calquera tipo de comportamento non tolerable. Ademais de centrarse na prevención, trátase dun documento informativo e de formación en aras de lograr a plena igualdade entre mulleres e homes.
AHortas
O máximo organismo da entidade coñeceu a decisión do peche da empresa de inserción AHortas, levando a cabo a liquidación total  á vez que se acordou  a cesión de bens á Asociación A Raíña para que continúe coa explotación das finas, así como a utilización do inmobilizado existente.
No tempo de funcionamento da empresa conseguíronse os obxectivos previstos para a súa constitución e relativos á inserción laboral de traballadores
Estatutos
O proceso de revisión e redacción dos novos Estatutos de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, foron presentados ao Consello que deu a súa aprobación para que sigan os trámites oportunos. A nova redacción busca simplificar as actividades, o voluntariado, o traballo das Cáritas e a configuración do fondo dentro da Comunicación Cristiá de Bens.
No texto pártese dos principios fundamentais que reflicten a identidade, misión e compromiso coa acción caritativa e pastoral no ámbito diocesano. Destacan a importancia da parroquia como a célula fundamental de acción caritativa na estrutura destes estatutos. Neste sentido, tendo en conta a organización territorial da diocese, defínese como unidade organizativa ás Cáritas parroquiais que poden abarcar unha única parroquia, a varias ou a unha Unidade Pastoral completa, integrando así a estrutura funcional de Caritas á da propia organización diocesana.
As Cáritas Interparroquiais quedan configuradas como organizacións funcionais que prestan servizos profesionais de apoio ás Cáritas parroquiais integradas nelas. Neste sentido destaca a vontade de ampliar e flexibilizar o acceso aos servizos especializados e profesionais das Cáritas Interparroquiais ás Cáritas parroquiais da contorna xeográfica que desexen integrarse nelas, promovendo unha maior eficacia e eficiencia na acción destes servizos.
Especial mención mereceu a redacción do articulado concernente ao voluntariado, axeitándoo ao marco legal actual e ás consideracións de tempo e grao de participación dos voluntarios á realidade sociolóxica actual, pensando especialmente na participación do voluntariado xuvenil.
Na procura dunha maior coherencia organizativa, unificáronse os criterios de funcionamento das Comisións Permanentes e os Consellos, establecendo claridade nos procesos de toma de decisións, nomeamentos e funcionamento dos órganos pertinentes.
Unidade Pastoral
O Consello tivo coñecemento da nova estrutura  da Unidade Pastoral (UP) á que se define como a realidade intermedia entre o arciprestado e a parroquia  e é unha comunidade de fieis, antes que unha realidade territorial, unha agrupación de parroquias que conservan os seus dereitos e deberes, encomendada a un párroco ou a un grupo sacerdotal, que se unen con vistas á axuda mutua e á acción común. Os seus fins son: facilitar a misión evanxelizadora da Comunidade, o que se fai inviable en comunidades pequenas, empobrecidas e incapaces de desenvolver unha pastoral sectorial e especializada.