Memoria 2020 de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela

  • “Os nosos recursos seguiron dando respostas. O número de persoas que foron atendidas nos peores meses do confinamento aumentaron arredor do 43%( Anuncio Mouriño, director diocesano)
    Os axentes de Cáritas tiveron que redobrar esforzos para atender as demandas

A Memoria 2020 de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela foi presentada durante un acto que presidiu Jesús García Vázquez, delegado Episcopal, que durante a súa intervención lembrou que se trata dun exercicio de dar conta á sociedade “de como gastamos o que recibimos para axudar as persoas máis necesitadas”. Insistiu en que o traballo busca sempre axudar os máis empobrecidos e deste xeito conseguir unha sociedade “máis humana, máis fraterna, máis xusta na que o centro de atención sexa a persoa”.

Dando respostas

Pola súa banda Anuncio Mouriño Rañó, director diocesano, destacou o traballo desenvolvido durante a pandemia que “ non fixo máis que recruar os efectos e afondar nas profundas cicatrices”. Subliñou que coas restricións impuxéronse limitacións de mobilidade, de ocupación de centros, pero “ os nosos recursos seguiron dando respostas. Montaronse de maneira excepcional , albergues, comedores , ou puntos de atención para axudas de emerxencia , especialmente alimentación”. Deu conta de que nos peores meses do confinamento as persoas atendidas aumentaron arredor do 43%. Agradeceu o apoio recibido de numerosa persoas e empresas “que responderon con xenerosidade extraordinaria para superar a distancia imposta polo confinamento e saír ao encontro das persoas que estaban a ser duramente azoutadas pola pandemia”.

Durante a súa intervención #ante os medios de comunicación Anuncio Mouriño sinalou que Cáritas Diocesana destinara uns recursos de 7.142.338 euros para dar respostas á crise social e sanitaria vivida o último ano. En relación a este tema constatou que a achega económica máis importante destinouse a Atención Primaria (cun aumento do 14%), seguida da Atención aos Maiores (12%) e ás Persoas sen Fogar (10%). Fixo fincapé en que os gastos estruturais cifráronse en 650.896 euros que significaron un 9,1% do gasto xeral. O director diocesana comentou que un importante número de persoas, cifrado entre un 20 e 30 por cento, volveron demandar axuda de Cáritas durante a pandemia -é “a imaxe máis representativa desta crise”-, mencionando que moitas destas persoas xa se integraron de maneira directa na sociedade.

Amplo informe

A Memoria é un amplo informe no que se dá conta do traballo desenvolvido ao longo deste ano e é o fiel reflexo das tremendas dificultades que houbo que superar para poder atender as persoas que chamaron a Cáritas demandando axuda. Os números e os gráficos son sempre fríos, “temos que lembrar que detrás deles está o traballo de moitas persoas que nos presentan a súa parte máis humana de axuda aos que máis o necesitan. É a auténtica sensibilidade cara ás persoas que precisan do noso apoio e comprensión e que moitas delas están afectadas por diversos tipos de exclusión”, sinala no seu saúdo monseñor Julián Barrio, arcebispo de Santiago e presidente de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela.

O número de persoas atendidas durante este ano foron 16.744 e os destinatarios da acción de Cáritas, 47.574. O exercicio económico pechouse cun saldo positivo fixado 15.572 euros, composto por uns ingresos totais de 7.157.910 euros e uns gastos de 7.142.338 euros

Redobrar esforzos

O último ano tivo como referencia principal a dor mesturada de forma moi alarmante coas tremendas dificultades de todo tipo que se acrecentaron de maneira indiscriminada para todo o mundo en xeral e en particular para as persoas máis vulnerables, para os máis desfavorecidos. De aí que os axentes de Cáritas, voluntarios, técnicos e contratados, tivesen que redobrar esforzos para poder chegar coas súas actuacións aos lugares e a todas as persoas que demandaban algún tipo de axuda. “Quero deixar constancia do meu profundo agradecemento aos voluntarios e técnicos, que forman a gran familia dos axentes; ás institucións, públicas e privadas; aos colaboradores e socios; todos fan posible esta tarefa fermosa ofrecendo a súa dispoñibilidade para colaborar no ministerio da caridade”, constata monseñor Barrio durante a presentación do documento no que se recolle o traballo desenvolvido.

A institución tivo que adaptar os seus recursos e proxectos ás normas de prevención ditadas polas autoridades sanitaria, á vez que incrementar as accións de acompañamento ás persoas en situación máis precaria para dar resposta ás súas necesidades básicas. A acollida e atención directa centrou a base principal das actuacións levadas a cabo. Unhas actuacións que necesitaron, dada a súa magnitude, destinar recursos suplementarios para facer fronte ás necesidades que se expuñan en cada momento. E nese terreo contouse cunha magnifica resposta dada por particulares. institucións, públicas e privadas e as administracións a todos os niveis.

Áreas de actuación

A través de diferentes accións, programas e centros en todo o territorio diocesano acóllese e acompáñase a persoas en situación de exclusión. En todas as actuacións ofrécese e promóvese unha atención integral tendo como centro a persoa e sempre fundamentada en valores.

A nosa achega fundaméntase en aspectos tan importantes como son a acollida, a integración na sociedade dos excluídos, a animación na comunidade e a sensibilización e denuncia. Con estas liñas xerais para o noso traballo acompañamos e acollemos as persoas e as familias en situación de pobreza que nos demandan axudas de todo tipo. Unhas actuacións que se centralizan nas distintas Áreas de Actuación.

Atención primaria e de base. É un traballo fundamental para o acompañamento ás persoas en situación de pobreza, exclusión e vulnerabilidade. Coas actuacións búscase a atención integral e a cobertura das necesidades básicas

Persoas vulnerables. Trabállase con persoas e familias que viven situacións de vulnerabilidade no acceso aos seus dereitos. A súa acción concrétase, máis aló da acollida de base, en recursos e servizos que lles acompañan na promoción do seu desenvolvemento persoal e colectivo e na resposta ás súas necesidades básicas.

Incídese principalmente en mocidade, familia, infancia, persoas maiores e migrantes

Na atención ás persoas excluídas. Desenvólvense accións dirixidas a persoas e familias que viven intensas situacións de desvantaxe e riscos para a participación nos ámbitos esenciais da cidadanía. Os esforzos de actuación diríxense cara a: saúde, recluídos e ex-recluídos, persoas sen fogar, persoas con discapacidade, e vítimas de trata e prostitución

Economía solidaria, emprego e formación. Desde Cáritas promóvese a Economía solidaria a través de programas de emprego inclusivo, iniciativas de economía social, propostas de comercio xusto, o fomento do consumo responsable e o compromiso coas finanzas éticas

Animación comunitaria. Por medio deste departamento búscase a potenciación das Cáritas a todos os niveis para o que se realizan frecuentes reunións a nivel diocesano nas que participan os axentes

Comunicación. As situacións de inxustiza que producen desigualdades e exclusión social, son denunciadas por medio da comunicación de masas que persegue a sensibilización cara aos problemas que padecen os colectivos dos máis vulnerables.
Máis mulleres que homes

Mantense a mesma tónica de exercicios anteriores no relativo ás atencións practicadas das que as mulleres representaron o 54,73%, fronte aos homes co 45,27%. Houbo variación en canto á idade das persoas atendidas cuxa franxa máis importante foron os de idades comprendidas entre 35 e 49 anos (28,55%), fronte ao 23,30% dos de 18 a 34 anos. Entre os atendidos o 58,37 % eran españois e os extracomunitarios o 33,85%

O nivel educativo segue a mesma dinámica xa que o 32,84% ten estudos primarios, fronte ao 19,71% de formación homologada. No relativo ás titulacións académicas o 3,08% dos atendidos tiñan estudos universitarios; os bachareis e de formación profesional chegaron o 5% cada un deles.

As persoas atendidas que non teñen ingresos alcanzaron o 62,32 %; os de seguridade social non contributiva o 13,91% e os da contributiva o 5,50%

Os fogares dunha parella con fillos foron o 26,81%; os unipersoais o 22,29%, e os monoparentais o 15,14%

Oito grupos

O traballo relacionado coas 16.744 persoas atendidas desenvolveuse a través de oito grandes grupos ou bloques cos que se buscou unha mellor operatividade á hora de completar unha actuación que sempre intenta achegar os mellores logros no momento de liquidar as peticións de axuda cursadas.

A acción de base contemplou a actuación con 8.990 persoas que demandaron da institución un amplo capítulo de necesidades de primeira orde. A formación, o emprego e a economía social ocuparon tamén un lugar destacado coa atención practicada con 3.474 persoas.

As minorías representaron un total de 6.858 actuacións relacionadas coas necesidades básicas e fundamentais que prestan estes colectivos. Pola súa banda as actuacións familiares, incluíndo a infancia e mocidade, foi desenvolta sobre 1.434 persoas. Destacar tamén que levaron a cabo 322 actuacións en materias relacionadas coa sanidade. Os maiores e dependentes atendidos foron 621, e os reclusos e ex-recluídos aos que se lle prestou algún tipo de axudade foron 621

Finalmente, as persoas sen fogar atendidas durante este período foron 1.329.