Mons. Prieto asistiu en Madrid á Permanente da Conferencia Episcopal Española

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, asistiu onte e hoxe mércores á reunión que a Comisión Permanente da Conferencia Episcopal Española (CEE) celebrou na sede da CEE, na rúa Añastro. Foi o último encontro da Permanente antes da Asemblea Plenaria de renovación de cargos, que terá lugar do 4 ao 8 de marzo de 2024.
Un dos temas do orde día foi o estudo do plan de reparación integral de vítimas de abusos sexuais no ámbito eclesiástico que presentou o Servizo de coordinación e asesoramento das oficinas para a protección de menores. Tamén se repasou o último informe actualizado de “Para dar Luz”.
Os bispos da Comisión Permanente estudaron o documento “Criterios para a actualización da formación sacerdotal inicial nos Seminarios Maiores das Igrexas particulares que conforman a Conferencia Episcopal Española”. Un texto no que traballa a Subcomisión Episcopal para os Seminarios tras a reunión en Roma da Conferencia Episcopal co papa Francisco e o Dicasterio para o Clero o pasado 28 de novembro.
Outro documento sobre o que se traballou estes días é “Comunidades acolledoras e misioneiras. Exhortación pastoral sobre a identidade e marco da Pastoral con migrantes” que está a redactar a Subcomisión Episcopal para as Migracións e a Mobilidade humana.
A orde do día tamén incluíu a aprobación do temario da Asemblea Plenaria de marzo. Ademais, os presidentes das Comisións Episcopais explicaron as súas actividades e proxectos. Tamén houbo un tempo para falar sobre o Sínodo dos Obispos.