Monseñor Barrio lembra que sen Eucaristía non pode haber verdadeira vida cristiá

  • O arcebispo preside na Catedral a Solemnidade do Corpus Christi

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu hoxe na Catedral a Eucaristía da Solemnidade do Corpus Christi, ao termo da cal houbo unha procesión polas naves do templo coa Custodia e unha bendición final co Santísimo. Na súa homilía, o arcebispo sinalou que “sen vida eucarística non pode haber senón aparencias de vida cristiá” e que “compartir o pan da Eucaristía comprométenos a configurar a sociedade respectando a lei santa de Deus reflectida na lei natural e na recta razón”. Na Eucaristía tamén estaba presente o bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto.

Como consecuencia da situación xerada pola pandemia do Covid19, este ano a Solemnidade do Corpus Christi en Santiago celebrouse soamente na Catedral e non puido realizarse, como é tradicional, a procesión do Santísimo polas rúas e prazas do centro histórico compostelán. A celebración estivo presidida polo arcebispo. Monseñor Barrio sinalou na súa homilía que “participar na Eucaristía esixe recoñecer a Cristo nos máis necesitados material e espiritualmente”, á vez que lembrou o traballo no seu favor da Igrexa: “Así se expresa no labor de Cáritas que se fai eco das obras de misericordia corporais e espirituais”, dixo.

O arcebispo manifestou, tamén, que “se non estamos dispostos a entregar a propia vida polos demais, non somos consecuentes co que hoxe celebramos. A vida eucarística configura un estilo de vida que se manifesta na actitude de servizo”. Monseñor Barrio expresou o seu desexo de que “fortalecidos pola Eucaristía contribuamos a unha liberación positiva do home na nosa cidade, na nosa Arquidiocese e non noso mundo”.