A Arquidiocese de Santiago de Compostela destinou o 19% dos gastos a actividades pastorais e asistenciais en 2.022

  • O arcebispo, monseñor Francisco Prieto, presidiu o Consello de Asuntos Económicos da Diocese de Santiago de Compostela.
  • Aproba ademais a Memoria de Actividades relativa o exercicio de 2022

Na mañá do luns 19 de xullo, o arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco Prieto, presidiu o Consello de Asuntos Económicos da Diocese, na súa sede da Curia, para estudar e aprobar os estados contables correspondentes ao exercicio económico de 2022.

Este organismo diocesano está formado por sacerdotes e laicos cualificados, expertos en materia económica e en dereito, e de probada integridade. Compete a este Consello (segundo indica o c 493 do CIC) elaborar cada ano o orzamento de ingresos e gastos para todo o réxime da diocese no ano entrante, así como aprobar as contas de ingresos e gastos a fin de ano.

Nun exercicio de transparencia, o ecónomo diocesano, Fernando Barros, presentou as contas anuais da Igrexa Diocesana en Santiago de Compostela correspondentes ao ano 2022, contas da Curia Diocesana, ISC (Instituto para a sustentación dos Clérigos), Parroquias e Entes Diocesanos.  Presentáronse ademais as contas consolidadas do exercicio de 2022.

Respecto á Orixe dos Recursos ou ingresos analizando 2022 respecto a 2021:

Prodúcese un incremento da achega voluntaria dos fieis do 19.22% respecto a 2021, o que supón en termos absolutos, case millón e medio de euros. Respecto a a asignación tributaria o incremento respecto ao ano anterior é do 3.6% (230.000 €).

Outros ingresos correntes (ingresos por servizos e subvencións correntes) increméntanse en 233.000 € con respecto a 2021.

En canto aos ingresos, prodúcese un aumento do 2.71% en 2022 con respecto a 2021 (en termos absolutos 582.000 €)

Respecto ao Emprego dos recursos ou gastos analizando tamén 2022 fronte a 2021:

O incremento dos ingresos permitiu destinar máis recursos monetarios ás actividades pastorais, evanxelizadoras, asistenciais e de axuda á Igrexa Universal. O incremento en 2022 con respecto ao ano anterior foi do 9.86%.O investimento nas devanditas actividades en 2022 en termos monetarios ascendeu a 4.168.000 euros, o que representou case un investimento nas ditas actividades do 19% do total de ingresos.

Prodúcese un descenso no investimento nos centros de formación dun 20% con respecto a 2021, polo menor investimento en seminarios pois tiveron menos necesidade de financiamento.

Onde se produce un incremento significativo foi no destino á conservación edificios e aos seus gastos de funcionamento, que se incrementaron en 2022 con respecto a 2021 en 2.325.000 €.  En 2022 investíronse neste capítulo 6.748.000 € que representan o 30.63% sobre o total de gastos.

Presentouse, ademais, a Memoria de Actividades correspondente ao ano 2022. Con ela, a Arquidiocese de Santiago pretende seguir avanzando na transparencia. Con esta Memoria dáse resposta a unha demanda en crecemento de información sobre as actividades da Igrexa sobre a súa organización, sobre a súa estrutura, de como se financia e de que actividades desenvolve dentro dos fins da Igrexa católica.

Cabe destacar o avance da nosa Diocese no obxectivo de Transparencia, situándose na posición sexta dentro das 10 dioceses españolas que máis melloraron (Estudos da Fundación Haz de Transparencia nas Dioceses Españolas).

Neste sentido o arcebispo, mons. Prieto, afirma que “a memoria 2022 da Igrexa en Santiago de Compostela quere ser ante todo un relato co rostro e o nome de todos os que formamos este pobo de Deus en camiño. Cada xesto, cada presenza, cada acción falan desta gran familia diocesana e da xenerosidade e entrega de todos os que, desde a súa vocación bautismal, viven como don e tarefa o ser discípulos misioneiros: de todas as idades e de todos os carismas, de todas as comunidades e parroquias, de todos os ministerios e servizos xermolaron accións pastorais, evanxelizadoras, celebrativas, asistenciais, educativas e culturais”.

Nela reflíctese que en 2022 había 1.070 parroquias, 446 sacerdotes e relixiosos, 128 centros de formación e educación, así como 20 seminaristas e 1.500 catequistas. En canto á actividade celebrativa destacan datos como: 5.290 bautizos, 6.318 primeiras comuñóns, 3.270 confirmacións e 787 matrimonios. No referente ao Ano Santo, destacar que no 2022 foron 437.511 os peregrinos que cruzaron a Porta Santa.

Toda información económica, convenios, estudos e informes, etc. están recollidos no Portal de Transparencia do Arcebispado de Santiago de Compostela: