Carta Pastoral no día da Igrexa diocesana 2021

“Somos o que ti nos axudas a ser”

Queridos diocesanos:

O lema para este Día da Igrexa Diocesana, 7 de novembro, recórdanos apasaxe dos Feitos dos Apóstolos, no que se nos narra como actuaban os cristiáns daquela primeira comunidade: “Os creyentes vivían todos unidos e tiñan todo en común; vendían posesións e bens e repartíanos entre todos, segundo a necesidade de cada un. Con perseveranza acudían a diario ao templo cun mesmo espírito, partían o pan nas casas e tomaban o alimento con alegría e sencillez de corazón; loaban a Deus e eran ben vistos de todo o pobo” (Feit 2,44-47).

Eran como irmáns que entre si se axudaban, compartindo o pan nas casas, loando a Deus e orando. A participación na Eucaristía comprometíaos a facerse todo para todos, superando as diferenzas que noutras circunstancias farían moi difícil a convivencia. Existía unha preocupación compartida por todos, que segundo as posibilidades, daba resposta ás necesidades de cada un.

Tamén hoxe nós, neste aquí e agora, ao vivir estes tempos de incerteza, dor e morte pola pandemia e ser conscientes dos seus efectos no social e no económico, estamos chamados a axudar xenerosamente cos bens que temos, segundo o que precisa o que camiña ao noso lado. E a clave para esta caridade próxima e práctica non é outra que vivir en comuñón con Cristo Resucitado que é o fundamento da nosa esperanza. A Igrexa vive das achegas dos creyentes e das persoas de boa vontade. Con esta axuda pode exercer a caridade viva e eficaz que nace do mandamento de Xesús, “que vos amedes uns a outros” (Xn 15,12). Non somos unha axencia de atención social; somos a providencia do abrazo divino ao vulnerable, ao fráxil, ao que ten a conciencia de ser un descartado da nosa sociedade.

A Igrexa, que somos ti e mais eu, vive pola comuñón no Espírito Santo, pero tamén pola fraternidad entre os seus membros. Cando un deles sofre, como nos recordaba o Apóstolo san Paulo, sofre todo o Corpo Místico: “Así como o corpo ten moitos membros, con todo, é un”. (1Cor 12,12) “Un membro sofre? Todos os demais sofren con el (1Cor 12,26)”.

Para non ser indiferentes a esas acuciantes necesidades de tantos irmáns precisamos como Igrexa dispoñer de recursos para ofrecelos, no espírito daquela primeira comunidade, ás familias con problemas económicos, aos inmigrantes que están en proceso de adaptación, aos que se ven angustiados polo prezo dun aluguer esaxerado ou polas políticas enerxéticas que xeran unha pobreza da que é difícil saír.

“Somos o que ti nos axudas a ser. Somos unha gran familia contigo. Co teu tempo, as túas calidades, o teu apoio económico e a túa oración somos Igrexa”. Se axudas, a Igrexa poderá facer moito. A vosa xenerosidade é un agasallo para a Igrexa diocesana. Agradézovolo moito. Estou seguro de que colaboraredes na medida das vosas posibilidades. Éme grato saudarvos con afecto e desexarvos o mellor a vós e as vosas familias. Co meu afectuoso saúdo e bendición neste ano Santo Compostelán.

+ Julián Barrio Barrio.
Arcebispo de Santiago de Compostela.