O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu este venres día 6 de xaneiro, Solemnidade da Epifanía, a Eucaristía do Día dos Reis Magos na Catedral compostelá.
Na súa homilía, D. Julián indicou que para Melchor, Gaspar e Baltasar “a luz da estrela fíxose camiño”. E engadiu que “o home relixioso está en camiño e ha de estar disposto a deixarse guiar, a saír de si, para atopar a Deus que sorprende sempre”.
O arcebispo destacou que adorar o Neno xustificou aos Magos facer o longo e duro camiño que emprenderon, deixando a serena ocupación de todos os días: “Tamén hoxe moitas persoas deixan todo polo Señor, renunciando á tranquilidade indiferente e pasiva. Ás veces a estrela ocúltase como lles aconteceu aos Magos”. E engadiu que “en ocasións a estrela do entusiasmo sentimental apágase porque Deus quere que miremos a Igrexa onde atopamos a luz da Palabra, a graza dos sacramentos e o testemuño de quen vive xunto a nós conforme ao espírito de Deus, máis aló das nosas satisfaccións materiais inmediatas”.
Neste sentido afirmou que “nós sabemos que Xesús se atopa nos pobres, os que sofren, os excluídos e os esquecidos, pero facilmente miramos para outra parte”.
“O ano que comeza debe ser un momento para recomezar o noso camiñar cara á plenitude que Deus nos convida a vivir con El, cambiando aquilo que nos impide recoñecer a manifestación de Deus no medio do seu pobo. Volver por outro camiño é descubrir aqueles aspectos da nosa vida que deben cambiar, que deben transformarse polo amor que Deus nos mostra, pola paz que nos trae o seu Enviado, pola vida que nos regala a través do Neno Xesús”, dixo.
Finalmente, D. Julián convidou a ofrecer “o ouro da nosa existencia, o incenso da nosa oración e a mirra dos nosos sufrimentos. Deixémonos envolver polo amor misericordioso do Neno Deus e levemos a todo o mundo a luz de Cristo que nos salva, anunciando o Evanxeo”.