O arcebispo de Santiago preside os actos de homenaxe a Luis Calviño Pueyo

  • O albergue xuvenil Arnela pasa a chamarse Luis Calviño
  • O arcebispo presidiu un homenaxe ao que fora director de Cáritas
  • Asistiu tamén o bispo auxiliar, mons. Francisco Prieto
  • Rindiuse tributo a un home que desde os 16 anos estivo vinculado coa institución da Igrexa
O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, acompañado do bispo auxiliar, Francisco José Prieto, presidiu no Albergue Xuvenil Arnela (Porto do Son), os actos nos que se rendeu homenaxe ao que fora director de Cáritas Interparroquial de Santiago Luís Calviño Pueyo. A partir de agora o centro levará o seu nome “el estaba moi orgulloso destas instalacións, da xente que fai posible que isto funcione, dos directores e monitores, que regalan o seu tempo de lecer para atender a nenos que doutra forma non poderían asistir a un campamento de verán”, mencionou durante a súa intervención Carlos Juiz director da institución.
Desde os 16 anos vinculado con Cáritas
O director de Cáritas lembrou que o acto era unha homenaxe “a un home que deixa un ronsel de bondade e caridade dificilmente igualable, a súa frase adoptada como director foi cristiáns, laicos, sal e luz do mundo”. Falou da súa longa traxectoria e biografía facendo especial fincapé en que a súa relación con Cáritas comezou aos 16 anos sendo monitor de Arnela “non nestas instalacións senón en tendas de campaña cedidas polo Exército”. Sendo responsable deste centro cando contaba 21 anos e asumiu a dirección de Cáritas Interparroquial durante oitos anos (1990/1998), á que volveu acceder no ano 2018 ata o seu falecemento.
“Consideraba a Arnela”, sinalou, “como unha parte de si e agora, querido Luís queremos que ti formes parte dela para sempre”. Terminou con estas palabras: Querido Luís coida de todos nós e da nosa querida Cáritas”.
Axudar aos demais
Nas súas palabras de agradecemento Bea Calviño, que falou en nome da familia, dixo que “aquí comezaron as súas primeiras vivencias como monitor naqueles inicios cando o campamento tan só era unha tenda de campaña prestada polo exército ata chegar a celebrar, neste mesmo lugar, o 50 aniversario da existencia destas colonias”.
Mencionou que o seu camiño como voluntario de Cáritas “foi evolucionando con el ao longo da súa vida, logrando impregnar en todos os que o rodeaban, ese amor por axudar sempre aos demais”. Insistiu na importancia que lle daba seu pai a educar en valores, “do saber compartir, de evitar a dor e a soidade nos demais, e tantas outras, que sempre nos resumías dicindo o importante que é lembrar a San Pablo e a súa frase de: “se non teño amor, nada son”.
O traballo dos axentes
Pechou a quenda das intervencións o arcebispo de Santiago que falou do gran traballo desenvolto en Cáritas por parte de Luís Calviño, e referiuse ao labor dos axentes para axudar ás persoas máis desfavorecidas, “é necesario amar a aqueles por quen sufro, e sufrir por aqueles a quen amo”. O prelado insistiu no testemuño da Caridade como eixo central para a Igrexa do noso tempo. Á viúva e fillos do que fora director de Cáritas fóronlle entregados varios presentes, destacando entre eles unha bandexa na que se menciona o seu gran labor á fronte da institución. Seguidamente procederon a descubrir a placa que a todo o que chega a Arnela lémbralle que o Albergue leva o seu nome.