O arcebispo presidiu o acto académico de recordo e homenaxe ao Cardeal Quiroga Palacios

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu este mércores un acto académico co que o Instituto Teológico Compostelán (ITC) conmemoraba o cincuentenario do falecemento do cardeal Fernando Quiroga Palacios. O arcebispo destacou a tarefa pastoral do cardeal, “algo que eu hei ir vendo ao longo das miñas visitas pastorais, porque a xente ségueo recordando” e encomiou o seu compromiso coa caridade e a vertente social da fe, algo que na súa época era moi novidoso. Don Julián expresou a súa admiración pola vida e obra do cardeal Quiroga e apuntou que non sería estraño que nuns anos se puidese iniciar o seu proceso de beatificación e canonización.

O acto académico foi presentado polo director do ITC, José Antonio Castro Lodeiro, quen deu a palabra ao deán da Catedral e profesor emérito do centro, José Fernández Lago. Na súa intervención, chea de anécdotas, relatou como fora a súa relación co cardeal Quiroga desde os seus tempos de seminaristas e durante a súa estancia en Roma. Fernández Lago aludiu, igualmente, á introdución do galego como lingua litúrgica nos tempos de mandato do cardeal.

A conferencia “Quiroga Palacios: 50 anos despois” correu a cargo de José Luís Mínguez Goyanes, quen fixo un repaso da vida e a obra de Don Fernando Quiroga, home fundamental para comprender a historia da Igrexa en Santiago, en Galicia e en España.

Don Fernando Quiroga Palacios naceu en Maceda (Ourense) en 1900 e estudou no seminario desa cidade desde que tiña 10 anos. Licenciouse en Teoloxía en Santiago e foi ordenado sacerdote en 1922, con 22 anos. En 1945 noméano bispo de Mondoñedo e no 1949 arzobispo de Santiago de Compostela. Foi nomeado cardeal en 1952 baixo o pontificado do Papa Pío XII.

Participou nas sesións Concilio Vaticano II que convocou Xoán XXIII e foi o primeiro presidente da Conferencia Episcopal Española cando se creou en 1966. Durante o seu mandato construíuse o Seminario Menor de Belvís e modernizouse o Seminario Maior. Na súa época de mandato episcopal celebráronse os Anos Santos Composteláns de 1954, 1965 e 1971, creouse o Instituto de Estudos Xacobeos e editouse a revista Compostellanum. Quiroga Palacios faleceu en Madrid en 1971 e está enterrado xunto ao Pórtico da Gloria.